En El Retrato Sonoro charlaremos sobre una foto que hilará recuerdos. Situaciones de las que te sientas especialmente orgullosa/o. Viendo el lado optimista y distendido de las cosas y sentirnos reflejados en situaciones, sensaciones o sentimientos ajenos.

Este é un novo episodio do podcast Retrato Sonoro, en Sons.red. Nesta ocasión mergullámonos no olor da fariña quente e no crepitar da leña, nese universo onde o pan transcende a súa función de alimento para converterse en memoria, identidade e oficio. Viaxamos a Loureda, en Arteixo (A Coruña), para achegarnos a un forno que leva décadas mantendo viva unha tradición transmitida de xeración en xeración, coma un segredo cotián que non precisa explicación.
O protagonista da conversa é Emilio Souto Rega, da panadería Morales, quen nos conduce pola historia familiar que deu orixe ao obradoiro. Conta como o seu pai, tras pasar por un hospicio e fuxir del, foi acollido por unha familia en Lañas. Alí naceu, case sen pretendelo, o vínculo co pan que acabaría definindo o futuro da familia e o nacemento da panadería Morales.
Ao longo do episodio falamos do equilibrio —ás veces fráxil— entre tradición e industria, e das luces e sombras de etiquetas como a IXP, que recoñecen un labor artesán pero tamén engaden papeis e burocracia.
Comentamos o funcionamento dun forno de leña, un oficio que esixe precisión, paciencia e unha dedicación diaria compartida con seres queridos.
Porque o pan galego non é só alimento: é unha aprendizaxe sobre o tempo, a espera e o valor de compartir. A man que amasa, o lume que coce e os repousos da masa falan dunha cultura transmitida a través da práctica e a memoria.
No episodio tamén facemos referencia á presenza dixital da panadería, especialmente á súa conta de Instagram @moralespanaderia, que permite seguir o día a día do forno e completar con imaxes o retrato sonoro desta historia. E nestas ligazóns a Youtube, atoparás da canle de Edu Lavandeira, O Pelouro, cunha xornada de traballo na Panadería Morales e a receita de elaboración do seu pan. Tamén aquí podes ver se che interesa o seu libro.
Escoitarás tamén a Rosa, irmá de Emilio e compañeira de oficio, quen achega ao final un agradecemento ao oficio.
The post Emilio Souto Rega e o pan de Morales. first appeared on Sons Podcasts.
Hai conversas que son coma camiñar por unha rúa coñecida, con farois acesos e pasos ben marcados. E hai outras… que son como entrar nunha fervenza: poderosa, incontrolable e chea de vida. A de hoxe é desas.
Neste novo episodio de Retrato Sonoro, cumpro unha vella aspiración: conversar con Felipe-Senén López Gómez, un dos grandes divulgadores culturais de Galicia, arqueólogo, museólogo e activista do patrimonio. Un torrente verbal —ou mellor dito, unha fervenza de saber— que fai da palabra unha ferramenta de resistencia, de amor á terra, de construción de identidade.
Video de Felipe-Senén en Tiktok o Instagram
Nesta conversa o de menos foron as imaxes que soen propiciar as conversas, pero neste caso, falamos de tres en concreto. Imaxes escollidas por Felipe con dous cadros de artistas galegos como son “O trasmundo” de Laxeiro e “A derradeira lección do mestre” de Castelao. E logo eu, Fidel, propúxenlle a lectura dunha imaxe dunha procesión nunha parroquia de Muxía, en A Coruña, Coucieiro.
A conversa non foi doada. Non porque Felipe-Senén non se preste, senón porque él segue o seu ritmo, a súa propia cartografía conversacional. E nese fluxo é onde reside a maxia: nas derivacións inesperadas, nos nomes que aparecen, nos lugares que cita, nas lembranzas que convoca. Unha fervenza.
A conversa xira en torno ao noso patrimonio cultural derivado do celtismo (como alude él), do cristianismo (pero non o que promove a institución), dun realismo máxico aloxado no imaxinario colectivo, a oralidade popular, os perigos dun turismo mal aplicado, pero que hai que saber explotar, falamos do que somos e do que estamos a piques de esquecer… se non o enxergamos a tempo. Moitos temas que son de dificil condensación nesta presentación.
Deixamos por aquí tamén unha ligazón a un vídeo dun discurso dado por Castelao cando retoma a relixiosidade e o realismo máxico: Alba de Gloria. No caso que vos apresentamos é a ofrecida polo Consello de Cultura Galega cunha recreación dese discurso.
Xa non che facemos perder tempo sen escoitar a Felipe-Senén. O mellor é que o escoites.
Este programa é presentado por Fidel Mouzo, editado por Jordi a.k.a. Mirindo e as voces que escoitas son as de Lorena para o limiar que precede o audio é a de Rosalía para o título do mesmo. Grazas a todas pola vosa colaboración.
The post Mentres uns miran, outros enxergan, así fala Felipe-Senén first appeared on Sons Podcasts.
Boas, benvidas e benvidos a un novo episodio de Retrato Sonoro, presentado e producido por Fidel Mouzo. Retomamos o espírito inicial do podcast, deixando momentaneamente o serial sobre o viño con Jorge Marcote en Da cepa á bodega. Hoxe propoñémosvos unha viaxe ao pasado da man dunha muller coa que sempre asocio mestría: María Loira Enríquez, arqueóloga, investigadora e profesora na UNED, onde tiven a sorte de tela como mestra.
Nesta conversa, que non é unha entrevista ao uso, falamos de historia e de moito máis: das miñas teimas persoais, do que aprendín con ela sobre a Gallaecia romana, e da sorte de contar con profesoras que esperten a curiosidade e o desexo de investigar.
Normalmente en Retrato Sonoro, a conversa comeza cunha fotografía achegada pola persoa convidada. Unha imaxe que resume o camiño. Pero hoxe tróuxena eu: comezamos falando do crismón de Quiroga, tamén presente no podcast Limiar, e desde aí abordamos a romanización, os territorios ártabros, a mestura de culturas, os castros, pedras formosas, e as pinturas murais nas vilas romanas de Cambre e A Coruña.
FOTO CRISMÓN. Procedencia, páxina de Turismo da Deputación de Lugo
Unha das pinturas nunha posible Domus Ecclesiae na cidade de A Coruña, estudada por María, e da que tedes a ligazón no parágrafo anterior, pódese visitar no Museo Arqueolóxico da Coruña e é especialmente enigmática.
Tamén falamos do papel silenciado pero esencial das mulleres no cristianismo primitivo, e da súa relevancia na historia.
Este episodio non pretende ser unha lección académica, senón un convite a mirar ao pasado con respecto e ilusión, esa que María define como “o mellor antirrugas”. Así debuxamos unha Galicia inserida nun imperio, pero tamén chea de humanidade e identidade propia. Porque, como di María, falamos latín…
Nesta introducción non está, nin moito menos, presente todo o contido da conversa… para iso terás que escoitarnos a María Loira e a mín…
Agradecemento especial á dirección do Centro Asociado UNED da Coruña por permitir a gravación deste episodio nas súas instalacións. Un xesto que honra á institución
FOTOGRAFÍA DE MARÍA LOIRA ENRÍQUEZ. DOADA POLA PROTAGONISTA
The post Entre pedras, paixón e latín mal falado: María Loira Enríquez e o segredo de vivir tranquiliña e feliz. first appeared on Sons Podcasts.
Benvidas e benvidos ao cuarto episodio deste apaixonante serial sobre a historia do viño en Galicia, «Da cepa á bodega», en Retrato Sonoro. Unha conversa conducida por Fidel Mouzo, con Jorge Marcote, viticultor, e o noso protagonista, o xornalista Luis Congil, autor de A marabillosa historia do viño en Galicia, publicada polo Consorcio Editorial Galego.
Neste episodio abrimos novas fronteiras e abordamos temas que desafían as ideas sobre o viño galego:
Unha reflexión sobre que uvas non deberan ser consideradas prototípicas do viño galego e cal pode ser a variedade que marque o futuro do viño que beberemos en breve.
A historia da filoxera, ese «alien» que devastou os viñedos europeos a finais do século XIX e principios do XX. Como afectou a Galicia?
Un xiro inesperado: Graham Greene, escritor, xornalista e axente do MI6 británico… Que relación pode ter coa historia do viño en Galicia?
Este episodio promete sorprender, abrir novas preguntas e seguir descubrindo que o viño galego está cargado de historias que van moito máis alá do que imaxinamos.
Dálle ao play e escoita xa este cuarto episodio, e derradeiro? de Da cepa á bodega con Luis Congil.
The post Da cepa á bodega: Uvas, filoxera e… Graham Greene? Un episodio, o número 4, sorprendente con Luis Congil! first appeared on Sons Podcasts.
Benvidas e benvidos a este terceiro episodio do noso serial Da cepa á bodega, onde seguimos afondando na historia do viño en Galicia da man do xornalista Luis Congil, autor de A marabillosa historia do viño en Galicia, publicado polo Consorcio Editorial Galego.
Este podcast, conducido por Fidel Mouzo e acompañado polo viticultor Jorge Marcote, continúa a súa viaxe polos segredos, as lendas e as evidencias históricas que nos conectan co noso pasado vitivinícola.
Un fascinante debate sobre a posible (ou non) recuperación de variedades de uva extintas grazas ao ADN atopado en sementes procedentes de escavacións arqueolóxicas.
Referencias a vestixios do viño en Galicia en lugares históricos, de San Martiño de Dumio, de Alfonso X, O Sabio…
A presenza do viño galego en símbolos tan icónicos como o Escudo de Galicia e a súa pegada na arte, como na pintura flamenca que representa Ribadavia.
A relación entre o noso viño e feitos históricos como a Armada Invencible.
A historia do viño en Galicia está chea de relatos sorprendentes, de pegadas que aínda estamos a descubrir e de preguntas que nos fan mirar cara ao futuro: será posible recuperar algunhas das uvas que se daban na nosa terra hai séculos?
Se queres saber máis, dálle ao play e acompáñanos nesta conversa chea de historia, cultura e moito viño!
Escoita xa este terceiro episodio con Luis Congil en Da cepa á bodega e coméntanos que che parece!
The post Da cepa á bodega: O pasado e o futuro do viño galego. Con Luis Congil, episodio 3 first appeared on Sons Podcasts.
Benvidas e benvidos a este segundo episodio con Luis Congil, xornalista e autor de A marabillosa historia do viño en Galicia, onde seguimos afondando no legado vitivinícola do noso país.
Se no primeiro episodio descubrimos documentos históricos que vinculaban o primeiro viño documentado de Ribadavia con América, ademais de fabulacións (ou non) de Álvaro Cunqueiro, os lagares de Castrelo de Miño e a historia do Museo do Viño en Santo André de Camporedondo, nesta ocasión expandimos aínda máis a mirada.
Acompañado por Jorge Marcote, viticultor, e conducido por Fidel Mouzo, este novo episodio de Da cepa á bodega en Retrato Sonoro mergúllanos nunha viaxe polas orixes do viño a nivel mundial e no papel singular de Galicia dentro deste contexto.
Un repaso polas orixes do viño no mundo e os mitos que rodean a súa chegada a Galicia.
A explicación de por que Galicia é considerada por Luis Congil e outros estudosos «a reserva da viñosfera», unha xoia en canto a diversidade varietal.
A importancia dos lagares rupestres como testemuñas da tradición vitivinícola e a súa pegada etnográfica e arqueolóxica.
O significado da expresión «a bico de lagar» e a súa relación co xeito tradicional de elaboración do viño.
E un pequeno apunte técnico… se notades que Jorge Marcote non se escoita perfecto, xa vos avisa o noso presentador e produtor, que a culpa é súa!
O viño é moito máis ca unha bebida: é historia, identidade e tradición. Non perdas este episodio e mergúllate connosco na fascinante historia do viño galego!
Dálle ao play e escoita xa este segundo episodio con Luis Congil de Da cepa á bodega!
The post Da cepa á bodega: Galicia, a reserva da viñosfera. Con Luis Congil, episodio 2 first appeared on Sons Podcasts.
Benvidas e benvidos a unha nova entrega de Da cepa á bodega, o serial dentro do podcast Retrato Sonoro, onde exploramos o mundo do viño en Galicia desde unha perspectiva cultural, social e histórica. Nesta ocasión, non imos falar de viticultores nin de como se fai o viño, senón da súa historia, documentada con paixón por Luis Congil, xornalista e autor do libro A marabillosa historia do viño en Galicia, unha obra imprescindible publicada polo Consorcio Editorial Galego.
A marabillosa historia do viño en Galicia
Neste primeiro episodio con Luis Congil, gravado nun enclave único como a Casa Reitoral de Santo André de Camporedondo, en Ribadavia, mergullámonos en arquivos históricos, descubrimentos documentais e referencias literarias que nos axudan a entender a profunda pegada do viño na identidade galega.
Este episodio é só o comezo dunha conversa fascinante na que descubriremos como o viño foi e segue a ser un elemento clave da nosa identidade. Se che interesa a historia, a cultura e o viño, non podes perdelo!
Dálle ao play e acompáñanos nesta viaxe pola marabillosa historia do viño en Galicia.
The post Da cepa á bodega: Descubrindo a marabillosa historia do viño en Galicia con Luis Congil. Episodio 1 first appeared on Sons Podcasts.
Chegamos ao derradeiro, alomenos de momento, episodio deste serial “Da cepa á bodega” con Alfredo Álvarez: sumiller, hostaleiro e creador de viños que durante estes 8 capítulos e algún extra que coñeceredes hoxe estivo acompañando a este podcast, Retrato Sonoro, durante estes meses.
Jorge Marcote, alma mater deste serial sobre o mundo do viño en Galicia, fixo por este serial todo o que podía facer, e sen él sería impensable realizar algo tan complexo, longo e completo como o que estamos a realizar.
Neste último audio, o máis longo de todos, teremos xa café para moi cafeteiros, pois tratamos todos os temas que levábamos tratados durante os sete capítulos anteriores pero dun xeito máis orgánico, dinámico no que Alfredo e Jorge mostran os seus pareceres por temas como a hostalaría, a elaboración dos viños e o funcionamento das Denominacións de Orixe.
Tratamos, de novo como podedes ver nesta entrada, como premisas que foron recoñecidas posteriormente a cociñeiros de sona internacional e que escoitaredes neste audio xa as promulgaba Alfredo moito antes. Deixamos as probas diso nesta publicación.
Premisas de Casa Alfredo
Portada da carta de Casa Alfredo
Como decimos na introducción do podcast, para este capítulo, tivemos a enorme fortuna de gravar en La Mina, nun lugar indeterminado do concello de Ponteareas, e grazas a xentileza e amabilidade de Pablo, Héctor e familia atoparnos como na casa e facédeme caso se vos digo que o lugar ben merecía gravar un podcast de xeito máis frecuente porque a insonorización do local, as comodidades que presenta e as vantaxes que ofrece fan do lugar algo impresionante… as fotos que vos adxunto, tamén nesta entrada, danvos unha lixeira idea do que nesta conversa tivemos a sorte de disfrutar.
Entrada á La Mina, obra de Héctor
Setup de gravación
Detalles de Pablo na gravación
E como gran colofón a este serial “Da cepa á bodega” con Alfredo Álvarez e Jorge Marcote, teremos a fortuna de ofrecervos unha cata de viño en vídeo, con ligazón a Youtube para que vexades a Alfredo dando unha serie de consellos e recomendacións para afrontar unha cata… tips e recomendacións expréss que si ben non vos van facer expertos nin vos permitirá dedicarvos a iso, si que sairedes aprendidos con moita información que para os máis profanos como eu, Fidel Mouzo o presentador e productor deste podcast, son ouro para quedar ben cos coñecidos e familiares…
Se escoitas este podcast fora de sons.red, vaite á páxina web de sons.red/retratosonoro para poder velo. Paga moito a pena.
Moitas grazas a Alfredo e Lourdes; a Pablo, Héctor e familia de La Mina; a Jorge Marcote, Alba e Lara e por suposto a todas as persoas como Jordi, a persoa que fai posible que Sons.red exista e que fan posible a creación e desenrolo dun podcast como este.
The post Episodio 8, tertulia, amizade e cata, despedimos cun “ata logo” a Alfredo Álvarez. first appeared on Sons Podcasts.
Benvidas e benvidos a ‘Retrato Sonoro’, o podcast onde as historias máis auténticas cobran vida a través das voces dos seus protagonistas. Hoxe continuamos co noso serial ‘Da cepa á bodega’, coa colaboración esencial de Jorge Marcote, quen nos axuda a profundizar no mundo do viño e da restauración. Nos episodios anteriores coñecemos a Alfredo Álvarez, un referente da alta cociña galega e fundador de Casa Alfredo en Mos.
Hoxe, chegamos a un momento clave: o fin de Casa Alfredo. Falaremos con Alfredo e Jorge sobre as motivacións persoais, profesionais e doutra índole que influíron no peche deste restaurante icónico. Alfredo tamén compartirá a súa experiencia sobre os intentos de desenvolver outros negocios, onde o papel de certos políticos tivo un peso significativo.
Neste episodio, preguntaremos a Alfredo a súa opinión sobre programas televisivos como Masterchef e abordaremos a importancia ou non de conseguir estrelas Michelin. Alfredo mesmo aspiraba a lograr unha (ou dúas), pero, como ben nos contará, a historia non foi exactamente como esperaba. Un episodio onde exploraremos os retos, as oportunidades e as complexidades do mundo da restauración desde dentro.
As voces usadas para nomear o episodio e o seu título son de Lara e Alba. Grazas ás dúas.
The post Episodio 7 O Peche de Casa Alfredo e a Aspiración Michelin first appeared on Sons Podcasts.
Benvidos, benvidos a un novo episodio de ‘Retrato Sonoro’. Eu son Fidel Mouzo e atopámonos neste espazo sonoro,onde cada conversa nos leva a descubrir o que está detrás das persoas que nos acompañan e das súas historias, e continuamos co noso serial ‘Da cepa á bodega’ coa sempre valiosa colaboración de Jorge Marcote, viticultor.
Nos últimos episodios exploramos a fascinante traxectoria de Alfredo Álvarez no mundo da restauración e do viño. Hoxe, nesta sexta entrega,imos máis aló. Alfredo compartirá con nós como se proban os viños, desvelando os trucos para detectar eses matices de acidez, dulzor e moito máis.
Pero iso non é todo: Alfredo relatará a súa viaxe a Xapón, onde acompañou a Manuel Fraga, nunha experiencia entre outras que lle deixou pegada tanto persoal como profesional.Tamén entraremos no mundo das influencias, desde revistas ou especialistas que ás veces se aproveitan do seu status, ata os trucos e a organización necesarios para levar un servizo de comidas con soltura e profesionalidade, sempre buscando ter á clientela satisfeita. Este episodio será unha verdadeira lección de como un gran restaurador xestiona todo, dende a carta ata o comportamento da mesma clientela.
Por último, falaremos dos vicios adquiridos por algúns clientes, aqueles que sempre buscan algo gratis, en relación directa coa anécdota que Jorge tamén compartirá sobre catas de viños que algúns consideran que deberían ser complementos gratuítos doutras actividades.
Unha conversa que nos fai reflexionar sobre o valor real do traballo detrás de cada prato e cada copa de viño.
As voces usadas para nomear o episodio e o seu título son de Lara e Alba. Grazas ás dúas.
The post Episodio 6 Matices do Viño a través do cristal e clientela influínte first appeared on Sons Podcasts.
Benvidas e benvidos de novo a ‘Retrato Sonoro’, o podcast onde exploramos as historias de xente que paga moito a pena coñecer, cun enfoque especial no noso serial ‘Da cepa á bodega’,
que continuamos grazas á inestimable colaboración de Jorge Marcote, viticultor e creador de viños na D.O. Rías Baixas. Jorge, co seu amplo coñecemento no mundo do viño, achega autenticidade e profundidade a cada un dos nosos episodios.
Eu son Fidel Mouzo e nos primeiros capítulos, coñecemos a Alfredo Álvarez, fundador de Casa Alfredo en Mos, un dos primeiros restaurantes de alta cociña en Galicia. Alfredo compartiu connosco a súa experiencia no mundo do viño e da sumillería, así como algunhas anécdotas curiosas da súa carreira. Nos últimos, exploramos tamén a súa traxectoria na hostalería e as innovacións que trouxo ao sector.
Neste quinto episodio, seguiremos falando de Casa Alfredo, pero imos centrarnos nun tema de gran relevancia na hostalería actual: a problemática da contratación de camareiros, as súas condicións laborais e que saídas podería ter esta situación. Alfredo, un gran representante do sector en Galicia, dará a súa visión sobre esta problemática, e tamén contaremos coa opinión de Jorge Marcote, quen é moi consciente das dificultades que atravesa o sector porque as viviu e vive de forma directa.
As voces usadas para nomear o episodio e o seu título son de Lara e Alba. Grazas ás dúas.
The post Episodio 5. A Crise na Hostalería: Camareiros e Solucións first appeared on Sons Podcasts.